As actividades de mindfulness do Espazo de Autocoidado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia contaron coa participación de máis de 1.500 persoas durante o primeiro semestre de 2021, desde que naceu esta acción coa que pretende contribuír á saúde emocional a través do fomento do autocoidado.
O «Programa de Mindfulness e Compaixón», que se desenvolveu en oito sesións online entre febreiro e abril, cubriu o milleiro de prazas ofrecidas, e contou coa asistencia de psicólogos e psicólogas, pero tamén se dirixiu ás profesións esenciais (dos ámbitos sanitarios, educativos, sociais, etc.). De feito, oito de cada dez participantes pertencían a ámbitos profesionais distintos da psicoloxía, co que foi unha iniciativa de gran alcance social.
Tras a boa acollida deste programa, durante os meses de maio e xuño de 2021 púxose en marcha «Sentarmos Xunt@s», un espazo semanal para a práctica do mindfulness, a través de videoconferencia, e nela inscribíronse máis de 500 persoas.
A Área de Mindfulness do Espazo de Autocoidado organizou unha actividade dirixida a profesionais da psicoloxía exclusivamente, o «Programa de Adestramento no Cultivo da Compaixón», un curso online de oito semanas para prover os psicólogos e psicólogas de ferramentas para traballar na súa práctica profesional a compaixón, a empatía e a resiliencia. As 25 prazas dispoñibles esgotáronse en menos dun día desde o seu lanzamento.