Máis de 600 persoas participan nas sesións online de mindfulness do Espazo de Autocoidado

Desde o 19 de outubro, cada martes ten lugar Sentarmos Xunt@s, unha actividade semanal gratuíta que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) para a práctica de mindfulness e nas que están inscritas máis de 600 persoas.

Estas prácticas guiadas online, coordinadas polas psicólogas Ana Isabel Martínez Arranz e Sandra Izaguirre García, teñen a intención de lembrar a importancia de coidarse de forma amable a través da práctica do mindfulness, unha técnica de meditación que consiste en adestrar a atención para ser consciente do presente. O mindfulness é un método de observación e atención consciente a toda a nosa experiencia, interna e externa, sensacións, pensamentos, emocións, patróns de conduta… O que nos permite aprender unha nova forma de responder ás situacións que se nos presentan na vida cotiá e non simplemente reaccionar a elas.

A través destas prácticas que comezan hoxe preténdese tomar máis conciencia de si mesmo/a para así mellorar o benestar da persoa. As sesións son sempre guiadas por profesionais da psicoloxía, coa previsión de máis de 12 psicólogas e psicólogos participantes, e divídense nun tempo para a práctica de aproximadamente 20 minutos, e outro tempo posterior no que compartir a experiencia sobre a práctica que se realizou e as dificultades ou dúbidas que lles xurdan na práctica diaria se a teñen.

A acción forma parte do Espazo de Autocoidado do COPG, unha iniciativa dirixida á sociedade en xeral e na que xa participaron máis de mil persoas nas actividades realizadas ao longo deste ano. A intención do Espazo é contribuír a preservar a saúde emocional da comunidade, proporcionando ferramentas e recursos para este fin, como as prácticas de mindfulness que se realizan en Sentarmos Xunt@s.

É posible anotarse para estas sesións, que teñen a intención de manterse no tempo, a través do enlace http://i.gal/mindfulnessCOPG. As sesións manteranse en formato de videoconferencia a través da plataforma ZOOM.

O Espazo de Autocoidado parte da identificación da necesidade de visibilizar e atender a conciencia do autocoidado no contexto da pandemia pola COVID—19, como elemento imprescindible no benestar das persoas e tamén da comunidade. O autocoidado ten que ver co modo en que nos coidamos e nos tratamos, supón facernos responsables e comprometernos co noso propio benestar, escoitando e tomando conciencia de “como estou” e “que preciso”.

Máis información sobre o Espazo de Autocoidado está dispoñible a través do espazo de coidado na web, http://autocoidado.copgalicia.gal, no que se van presentando accións e recursos encamiñados a mellorar o coidado propio.