ESPAZO DE
MINDFULNESS
E COMPAIXÓN
Autocoidado
DO 20 DE FEBREIRO – 17 ABRIL DE 2021
Espazo para a práctica de mindfulness promovido dentro do Espazo de Autocoidado do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, con sesións gratuítas e abertas ao público xeral todos os sábados ás 11:00h entre o 20 de febreiro e o 17 de abril de 2021.
Intención do espazo de práctica
Creamos este espazo VIVO e FLEXIBLE para compartir, para aprender, para practicar, para encontrarnos e sentirnos en conexión, para coidarnos.
Un espazo para SER e ESTAR.
Para PLANTAR e REGAR a semente de coidarnos e tratarnos con amabilidade.
Duración:
A duración do programa é de 8 sesións que se celebrarán os sábados de 11:00 a 12:30h aproximadamente vía Zoom.
Comezaremos o sábado 20 de febreiro e remataremos o sábado 17 de abril.
ESPAZO DE MINDFULNESS E COMPAIXÓN
Dirixido a:
Aberto a toda a poboación que nos queira acompañar.
Aviso
O sábado 3 de abril non haberá conexión ao cadrar coa Semana Santa.
ESPAZO DE MINDFULNESS E COMPAIXÓN
Quen vos acompañaremos:
Ao longo destas semanas xuntos/as estaremos coordinando o espazo Sandra Izaguirre García e Ana Isabel Martínez Arranz.
Guiaremos as sesións xuntas ou ben con outras compañeiras e compañeiro: Teresa Vilanova Villar, Juan Carlos Permuy Bermúdez e Berta Fernández Méndez
Como son as sesións:
En cada sesión abordaremos un tema que consideramos pode ser do voso interese e contribuír a que teñades novas ferramentas
para un maior benestar.
Comezaremos cunha práctica de mindfulness para contactar coa nosa intención para ese tempo xuntos. Teremos un intre para compartir quen queira sobre a experiencia. Durante o tema semanal faremos a práctica/exercicio de mindfulness e/ou compaixón que toque. Volveremos ter un espazo para ver como foi esta, dúbidas, dificultades…, e rematararemos agradecendo o tempo compartido.
Inscrición:
Podes inscribirte para todo o programa ou podes facelo para sesións en concreto. Elixe a opción que prefiras e mellor se adapte a ti, aínda que a nosa recomendación é, loxicamente, que asistas a todas para que poidas aproveitalo mellor.
Indícanos no formulario de inscrición se asistes a todo o programa ou marca aquelas sesións en concreto ás que desexas asistir.
A inscrición pecha dous días antes da celebración de cada seminario.
Este programa é gratuíto
Sandra Izaguirre García
Psicóloga habilitada para o exercicio de actividades sanitarias (colexiada G-2477)
Directora en Centro de Psicoloxía en Ferrol con áreas de intervención infanto-xuvenil e adultos. Máster en Psicoloxía da Saúde na Universidade Complutense de Madrid. Psicóloga experta en Psicoloxía de Emerxencias e Catástrofes. Membro do GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do COPG.
Instrutora infanto–xuvenil de Mindfulness polo método Eline Snel. Instrutora de Mindfulness para adultos certificada por BMIT.
Ana Isabel Martínez Arranz
Psicóloga habilitada para o exercicio de actividades sanitarias (colexiada G-2573)
Terapeuta familiar, exerce na práctica privada no Gabinete Claves (Vilagarcía de Arousa).
Desde 2002 é psicóloga dos Servizos Sociais de Camariñas. Psicóloga de emerxencias acreditada polo Consejo General de la Psicología, integrante do Grupo de Intervención Psicolóxica en Castástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG desde o 2004, do que foi coordinadora entre 2006 e 2019.
Máster de Mindfulness na Universidad de Zaragoza, conta con formación en terapia centrada na compaixón e tamén como instrutora do Programa de Adestramento no Cultivo da Compaixón organizado por Nirakara e o Compassion Institute.
Berta Fernández Méndez
Especialista en psicoloxía clínica (colexiada G-2563)
Exerce no centro Cambio Psicología Clínica na Coruña. Especialista en psicoterapia pola EFPA e Máster en terapia familiar sistémica pola Universidade de Salamanca.
Máster en tratamentos psicolóxicos basedos en Mindfulness e Compaixón de AEMind. Conta con formación como instrutora do Programa de Adestramento no Cultivo da Compaixón organizado por Nirakara e o Compassion Institute, así como en terapia centrada na compaixón.
Juan Carlos Permuy Bermúdez
Psicólogo (colexiado G-6135)
Ten experiencia no tratamento de adiccións; actualmente exerce como psicólogo no gabinete de psicoloxía Dédalo Salud (Santiago de Compostela) e imparte obradoiros de promoción da saúde en concellos, institutos e centros de educación infantil e primaria. Instrutor de mindfulness; conta con formación en mindfulness e en regulación emocional, así como en terapia centrada na compaixón.
Teresa Vilanova Villar
Psicóloga (colexiada G-5801)
Profesora dos programas psicoeducativos MBSR (Mindfulness Based Stress Redution) e MSC (Mindfulness Self-Compassion). Fundadora e directora do centro de mindfulness Aqi&Agora (Carballo). Ampla experiencia en formación e dirección de retiros, cursos, obradoiros impartidos no marco da educación e da saúde. Membro da Rede de Profesores do Programa de Redución de Estrés baseado en Mindfulness (MBSR) segundo a formación do Center for Mindfulness da Universidade de Massachusetts e segundo o Mindfulness Center da Universidade de Brown, ademais do MSC (Mindfulness Self Compassion) do Center for Mindful Self Compassion.
ESPAZO DE MINDFULNESS E COMPAIXÓN
Programa
20 febreiro | 11:00 h
Aprendendo a parar
Será levada por Ana Isabel Martínez Arranz e acompañada por Sandra Izaguirre García.
Nesta sesión presentaremos o programa, daremos algunhas claves para saír do piloto automático da nosa vida diaria e iniciarémonos na práctica básica de mindfulness de atención á respiración. Esta práctica acompañaranos en todas as sesións.
A duración desta sesión pode alongarse un poco máis de 1:30h xa que é a de presentación deste espazo.
6 marzo | 11:00 h
Pensamentos, saíndo do remuíño
Será levada porSandra Izaguirre García e acompañada por Ana Isabel Martínez Arranz.
A maior parte dos nosos pensamentos non son reais, simplemente se trata daquilo que pensamos sobre a realidade. Aprenderemos a tomar distancia con eles a as nosas preocupacions, dando espazo para a calma e unha maior claridade mental que nos permitirá observar mellor a realidade e responder de forma distinta.
20 marzo | 11:00 h
Abrazando as nosas emocións
Será levada por Ana Isabel Martínez Arranz e acompañada por Sandra Izaguirre García.
Nesta sesión falaremos da función que teñen as nosas emocións, de todas elas, as que nos gustan e as que desexaríamos non sentir. Como as sentimos no corpo, as necesidades que poden estar detrás delas.
10 abril | 11:00 h
Autocompaixón ou tratarnos de forma amable
Será levada por Teresa Vilanova Villar e acompañada por Sandra Izaguirre García.
Veremos de forma teórica e práctica como podemos tratarnos de forma más cariñosa, como se fósemos realmente o noso mellor amigo/a.
27 febreiro | 11:00 h
Habitando o noso corpo
Será levada por Sandra Izaguirre García e acompañada por Ana Isabel Martínez Arranz.
Nesta ocasión tomaremos conciencia do noso corpo e da importancia de coidalo. A través da práctica meditativa sentirémolo directamente en lugar de pensar nel, facéndonos máis conscientes dos seus límites.
13 marzo | 11:00 h
Aprendendo a regularnos mellor
Será levada por Juan Carlos Permuy Bermúdez e acompañada por Ana Isabel Martínez Arranz.
Nesta sesión falaremos dos tres sistemas de regulación emocional e veremos como funcionan en nós. Entender axúdanos a relacionarnos máis amablemente con nós mesmos/as.
27 marzo | 11:00 h
Achegándonos á compaixón
Será levada por Ana Isabel Martínez Arranz e acompañada por Berta Fernández Méndez.
Nesta sesión abordaremos específicamente distintos aspectos relacionados coa compaixón, que nos acompañará nestas tres últimas sesións. O achegamento ao sufrimento, ao propio e ao alleo, coa intención de poder relacionarnos de forma máis amable con el.
17 abril | 11:00 h
Interdependencia e humanidade compartida
Será levada por Berta Fernández Méndez e acompañada por Ana Isabel Martínez Arranz e Sandra Izaguirre García.
Nesta sesión de peche abordaremos dous aspectos que teñen que ver moito coa compaixón, a humanidade compartida e a interdependencia de cada un dos aspectos da nosa vida. Aspectos fundamentais que contribúen a sentirnos máis en conexión co resto.
A duración desta sesión pode alongarse un poco máis de 1:30h xa que é a de peche do espazo.
Dedicación deste espazo
Que contribúa a mellorar o noso benestar.
Que poidamos aprender a tratarnos e a tratar con máis amabilidade e cariño.